Friday 17 de May de 2024

A Xunta aproba a Estratexia de Internacionalización co obxectivo de incrementar o volume de exportacións e o investimento estranxeiro nun 25% ata 2020


O titular do Goberno indica que se trata dun “investimento de 50 millóns de euros para os próximos dous anos, o que supón un incremento do 25%” e subliña que o texto é froito das negociacións e do diálogo cos axentes económicos e sociais

Tal e como adiantou esta semana, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou na rolda de prensa do Consello a aprobación da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020. Como detallou, o texto é froito das negociacións e do diálogo cos axentes económicos e sociais. Neste senso, indicou que se aceptaron cen achegas das distintas empresas e sectores que se incorporaron ao documento final que hoxe se aprobou. Segundo apuntou, “buscamos facer dos mercados exteriores un motor de crecemento da economía galega”, e engadiu que se trata dun “investimento de 50 millóns de euros para os próximos dous anos, o que supón un incremento do 25%”, apuntou.

Sobre esta liña, Feijóo aseverou que a estratexia busca incrementar o investimento estranxeiro nun 25%, que as exportacións galegas acaden o 40% do PIB en 2020, incrementar nun 25% o volume de exportacións galegas, superando os 23.000 millóns de euros ao remate do plan, e incrementar tamén nun 25% o número de empresas exportadoras, ata chegar ás 8.000 en 2020.

Para acadar estas metas, a estratexia conta con cinco liñas de actuación. Segundo indicou Feijóo, a primeira delas baséase en promover a cultura da internacionalización. A tal efecto, concretaranse programas de excelencia educativa con becas a empresas exportadoras financiadas pola Xunta. Así mesmo, fomentarase a formación en idiomas de contido comercial e empresarial e un programa para impulsar ás pequenas e medianas empresas nas diferentes etapas do proceso de saída ao exterior.

A seguinte liña de actuación é incrementar a presenza das pemes nos mercados internacionais. Neste punto, o responsable do Executivo autonómico destacou a posta en marcha dunha rede de canles de distribución por mercados para facilitar a saída das empresas, activando 12 programas sectoriais para áreas estratéxicas da economía galega. Segundo especificou, ditos programas serán de agromar industria, naval, automoción, da pedra e o granito, da enerxía, do téxtil, das TICs, da biotecnoloxía, da enxeñería, do audiovisual, da loxística integral e da madeira. Así mesmo, haberá un programa de mentorización e tutelaxe das grandes empresas galegas implantadas con éxito en mercados exteriores.

A terceira liña baséase en atraer investimentos a Galicia. Para iso, levaranse a cabo actuacións concretas de colaboración na captación de investimentos, activaranse liñas de apoio mediante instrumentos financeiros propios e alleos e intensificarase a colaboración con entidades con capacidade de financiamento, como o BEI, Cofides ou o ICO.

O cuarto eixo pasa, segundo precisou o titular da Xunta, pola consolidación da imaxe de Galicia no exterior, cunha estratexia de proxección na que se poñan en valor as potencialidades de Galicia como plataforma loxística, con campañas sectoriais en mercados estratéxicos baixo a marca Galicia Calidade. Así mesmo, intensificaranse as campañas de sensibilización sobre a calidade dos produtos e servizos galegos.

En relación ao último eixo, Feijóo subliñou a aposta pola cooperación cos axentes económicos e as pemes. Neste senso, destacou que o Goberno galego tomou a decisión de crear catro novas antenas comerciais en Dubai, Perú, Canadá e Alemaña. En segundo lugar, incrementaranse as actuacións conxuntas coas autoridades portuarias e Zona Franca e cooperarase con clústers e centros tecnolóxicos para favorecer o posicionamento de Galicia como polo de innovación e coñecemento.

Por tanto, trátase de doce áreas da economía galega e 12 destinos de países prioritarios, que son México, Colombia, Brasil, Estados Unidos, Reino Unido, Marrocos, Rusia, China, aos que agora se engadirán Dubai, Perú, Canadá e Alemaña.

Paquete Financeiro 2015
Segundo Feijóo, “cremos que é unha ambiciosa estratexia”, pactada cos axentes económicos e sociais. Neste senso, apuntou que “imos dotar con presuposto propio da Xunta dun 25% máis do que viñamos facendo nos últimos anos, ata 50 millóns”. A isto engádeselle “o paquete de financiamento 2015 que aprobaremos este mes”.

Con respecto a isto, Feijóo avanzou que o Goberno galego está a traballar para poder presentar un paquete financeiro para este ano co obxectivo de misturar unha serie de axudas do Banco Europeo de Investimentos, axudas propias da Xunta e axudas da Administración do Estado a través do ICO e Cofides. En definitiva, trátase dun paquete completo que se engadirá aos 50 millóns de euros de fondos propios da Xunta para a internacionalización.

Como asegurou, “non aspiramos só a manter as exportacións, senón a que sigan crecendo e pretendemos tamén facer de Galicia un foco de atracción de investimentos”. Así mesmo, engadiu que “o que pretendemos non é máis que dinamizar a economía” así como “a creación de emprego”.